Historia da Compañía Migallas

Compoñentes de Migallas nunha visita cultural teatralizada [Clic para ampliar imaxe]

A compañía pontevedresa Migallas Teatro foi constituída como compañía profesional no ano 1996 aínda que como grupo afeccionado a súa creación data de 1992.

Pretendemos facer un teatro comprensible, crítico e entretido para todos e todas bebendo da tradición do pobo e da vida cotiá e cunha visión universal das situacións humanas máis próximas.

Nos nosos espectáculos tratamos pois temas de todos os días a través de personaxes inspirados na realidade, pero cun aquel de ficción.

Dende o ano 1996 temos realizado unha media de 70 representacións por ano o que suma unhas 1000 actuacións como compañía profesional.

Ademais da montaxe de espectáculos teatrais e de contacontos levamos a cabo talleres de expresión dramática a través de concellos, asociacións e colexios de diversos municipios como Vilaboa, Soutomaior, Tomiño etc.

Na cidade de Pontevedra coordinamos desde o ano 1998 os obradoiros de expresión dramática, plástica e musical “Á procura do tesouro” que organiza cada ano o Concello de Pontevedra e polo que xa pasaron máis de 2000 rapaces e rapazas de entre 4 e 14 anos.

Por outra banda, nos anos 2002 e 2003 Migallas Teatro creou e escenificou o espectáculo da Cerimonia de Apertura da Feira Franca de Pontevedra e no ano 2004, o espectáculo ó aire libre Os Irmandiños no que participaron 40 persoas.

Tamén realizamos visitas culturais teatralizadas polo Centro Histórico de Pontevedra coa creación de varios espectáculos: A Boa Vila dende o Camiño Xacobeo e Paseo máxico pola Boa Vila.

Gravamos o disco “¡Canta connosco!” e editamos o libro “Un avó especial”.